faro ortegalDescubrir Ferrolterra – Rías Altas nun medio de transporte colectivo e sostible? É posible, grazas á liña de tren histórica que atravesa o destino.

Desde Ferrol chega ao Barqueiro (Mañón). Ao longo do percorrido pasa por Xuvia, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Ponte Mera e Ortigueira. O tren é, desta forma, unha boa opción para explorar parte do destino.

Podemos baixar en calquera parada e achegarnos, usando outro medio de transporte e camiñando, a diferentes atractivos turísticos. Case sempre preto da costa, poderás descubrir o santuario de Santo Andrés de Teixido e o miradoiro de Vixía Herbeira (cos acantilados máis altos de Europa!), os faros de cabo Ortegal e Estaca de Bares, así como a súa impresionante contorna natural.

Viaxar en tren é unha forma diferente de gozar da túa estancia na comarca. É unha alternativa cómoda que che permitirá desconectar da estrada e “obligarate” a poñerte en contacto coa natureza para chegar aos diversos destinos.

Descubre “En tren polo norte do norte” e outros paquetes turísticos.

Consello
Consulta os horarios por estacións antes de emprender a túa viaxe.
Sabías que...?
Desde 2013 este percorrido foi posto en valor coa chamada Ruta dos Faros. A viaxe en tren compleméntase con buses para chegar aos lugares de interese turístico.