Arte urbano para poñer en valor os recursos turísticos de Ferrolterra.

19-8-2016

A Mancomunidade convoca a artistas, empresas e entidades a presentar propostas de Street Art.

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, como entidade coordinadora do convenio para a promoción turística do destino Ferrolterra-Rías Altas durante o 2016, impulsa un proxecto de Street Art para a realización de murais en 6 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

A iniciativa busca reflectir os emblemas e valores máis representativos dos concellos e de Ferrolterra. Esta intervención pretende poñer en valor aqueles espazos que se atopen degradados ou afectados negativamente pola presenza de elementos que rompan a súa harmonía.

O fin último do proxecto é transformar a percepción destes espazos de forma que sexan acordes co valor dos recursos turísticos do destino e contribúan a unha imaxe positiva do territorio, tanto para os turistas como para os anfitrións (a cidadanía e as persoas emprendedoras no sector turístico).

Esta liña de traballo atópase incluída no Plan de Promoción Turística do Xeodestino Ferrolterra para o 2016, resultado da colaboración entre a Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

As empresas, entidades e artistas interesados en participar terán de prazo para presentar propostas ata o día 6 de setembro e poden consultar as condicións aquí ou contactar no enderezo electrónico coordinacion@turismoferrolterra.es