Camiños de peregrinación

Por esta terra pasan dúas importantes rutas de peregrinación. Calquera persoa que realice o seu camiño descubre, na súa ruta espiritual, a beleza paisaxística e a riqueza natural que o destino lle ofrece.

Fieis de toda Galicia camiñan á aldea de Santo Andrés de Teixido, ofrecidos ao santo de nome homónimo. E camiñantes de todo o mundo empezan o seu periplo polo Camiño Inglés co obxectivo de chegar á tumba do Apóstolo.

Camiño a Santo André de Teixido

Un dos camiños de peregrinaxe da comarca é o de Santo André de Teixido. Aínda que os romeiros chegan de toda Galicia, o camiño vello a Santo André comeza no mosteiro de San Martiño de Xuvia (O Couto), no municipio de Narón. Desde alí, e atravesando terras de Valdoviño, os peregrinos percorren un total de 42 quilómetros ata chegar á meta: o santuario de Santo André de Teixido, en Cedeira.

A ese camiño orixinario, súmanselle dous máis: un desde Ferrol (desde o porto e desde a ermida de Santa Comba, ao norte) e outro desde Santo Hadrián de Veiga, no municipio de Ortigueira. Este trazado, de 24 quilómetros, cruza a espectacular serra da Capelada.

As lendas
Son moitas as lendas e os ritos asociados a este santo. Na fonte, os romeiros teñen que beber auga dos seus tres canos e pedir un desexo. Para saber se este foi concedido, chega con botar unha miga de pan na pía. Se flota, a petición cumplirase. Outra crenza é que a coñecida como “herba de namorar”, que medra na contorna, fai que xurda o amor entre dúas persoas.

O dito lémbranos que “a Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”. Tanto para crentes coma para os que non o son, o percorrido paga a pena. Son moitos os lugares de interese, coma o mosteiro do Couto, o muíño das Aceas, o pazo de Libunca, o Monte dos Nenos, a ponte medieval de Porto do Cabo… e, por suposto, a igrexa de Santo André e o seu retablo barroco.

Descubre as rutas a Teixido en Wikiloc.

Camino Inglés

O Camiño Inglés é un dos oito camiños a Santiago de Compostela. Esta ruta, unha das menos saturadas, é ideal para os peregrinos que prefiran unha viaxe aínda máis tranquila e relaxada. Ademais, e a pesar de ser o camiño máis curto, ofrece unha gran riqueza paisaxística, tanto de costa coma de interior.

Por mar, xa no século XIV, os británicos chegaban ao de Ferrol e a outros portos veciños. Da procedencia destes peregrinos toma o seu nome. O chamado Camiño Inglés ten o seu punto de partida no porto de Curuxeiras de Ferrol. Ata Santiago de Compostela quedan por diante 118 quilómetros de traxecto.

En Ferrol, os peregrinos recollen a credencial do Camiño na oficina de turismo do porto ou na concatedral de San Xiao. Desde aquí, a viaxe prosegue nas súas primeiras etapas por varios municipios do litoral da comarca.

NarónNedaFeneCabanas e Pontedeume son lugares de paso para os camiñantes ou, incluso, de parada, grazas aos albergues existentes en Neda e Pontedeume. No transcurso do Camiño, pódese admirar gran parte dos recursos patrimoniais do destino Ferrolterra – Rías Altas.

Descubre a ruta de sendeirismo do Camiño Inglés en Wikiloc.