O establecemento de diferentes industrias en Ferrolterra deixou pegada nos municipios da comarca.

O que no seu día foron centros de produción pioneiros, convértense tamén agora en reclamo turístico. Achegarse a eles permítenos coñecer novos recunchos que conteñen historias que nos transportan ao noso pasado, moitas veces combinado coas máis modernas tecnoloxías.

A visita aos estaleiros e ao Arsenal de Ferrol, incluídos na Ruta da Construción Naval; aos muíños de Neda e de Narón (que foi Fábrica Real); ás fábricas de conservas de Cariño e Cedeira, a diversas plantas de reciclaxe ou ao conxunto industrial de As Pontes son un bo exemplo de todas as posibilidades de turismo industrial que ofrece a comarca.