Gastronomía

En calquera localidade pódense degustar os mellores produtos autóctonos e da cociña galega tradicional. Todo tipo de peixes e mariscos das rías, coma os percebes de Cedeira, o famoso polbo de Mugardos ou as sardiñas lañadas e as conservas de Cariño. No interior, pementos do Coutopan de Neda, as manteigadas e os cogomelos nas Pontes de García Rodríguezgrelos de Monfero e Cerdidotenreira na Capeladamel en San Sadurniño e Moeche, onde é famoso tamén o seu queixo de tetilla.

Cociña de calidade
O destino Ferrolterra – Rías Altas combina interior e costa. Das súas terras e do seu mar obtéñense produtos de gran calidade que converten a cociña local nun atractivo turístico en si mesmo. A isto súmanselle as numerosas festas gastronómicas repartidas pola comarca.

Convidámoste a viaxar por este destino, onde atoparás acolledores restaurantes. O mercado e os seus produtos de tempada marcan estas cociñas, as máis tradicionais e as innovadoras.

Infórmate de onde comer.

Pemento do Couto

Verde escuro, pouco brillante e duns 4 a 8 centímetros de longo. O pemento do Couto desprende un aroma moderado. Ao probalo, a súa carne é fina e tenra, case sen sementes, e cun sabor doce lixeiramente herbáceo.

Da especie Capiscum Annuum L., a peculiaridade máis destacable destes froitos é que non pican debido á ausencia de capsicina. Precisamente por isto, son cada vez máis apreciados polos consumidores.

A denominación Pemento do Couto toma o seu nome do mosteiro de San Martiño de Xuvia, situado na parroquia do Couto, no concello de Narón.

Onde se cultiva?
Este exquisito pemento goza, desde 2010, do selo de Indicación Xeográfica Protexida (I.X.P). Isto significa que o produto posúe unhas características concretas debidas á súa zona de cultivo. O Pemento do Couto prodúcese nos municipios de Narón, Ferrol, Neda, Valdoviño, Cedeira, San Sadurniño, Moeche, As Somozas, Fene, Ares e Mugardos, comprendidos todos na comarca de Ferrolterra.

Pan de Neda

A gran calidade da auga daba, e ségueo facendo hoxe, un saboroso pan. Isto converteu a Neda na capital do trigo de Galicia, cando en 1588 se establecen na vila as Casas Reais. Estas eran fábricas de biscoito e fornos de provisión que abasteceron durante todo un século as armadas dos Reis de España.

Unha boa ocasión para degustar o famoso pan é o primeiro domingo de setembro, cando se celebra na localidade a Festa do Pan de Neda. Ademais, esta exaltación do produto foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2013.

Os muíños de trigo
Ruta dos Muíños, construídos xa na Idade Media ao redor do río Belelle, é outra atracción turística asociada ao pan de Neda. Esta pódese realizar en calquera momento do ano de forma gratuíta, reservando con antelación. Grazas a esta ruta, o visitante pode coñecer o proceso de elaboración do pan no Roxal, un dos muíños restaurados para manter viva a tradición artesá da vila. Os turistas tamén degustarán, ao final, os produtos típicos de Neda. Pero non só iso, pois este percorrido permite, ademais, descubrir unha contorna natural privilexiada.

Polbo de Mugardos

 

Mugardos destaca pola súa gastronomía, unha cociña tradicional caracterizada pola calidade e variedade dos seus produtos do mar. E o polbo é, sen dúbida, o gran protagonista dos fogóns.

A vila mariñeira viviu durante décadas case exclusivamente da captura deste rico e prezado molusco. O de Mugardos era o polbo máis solicitado nas feiras do interior de Galicia.

Á calidade do produto capturado nas súas augas úneselle a forma peculiar de cociñalo na vila, distinta ao resto de Galicia. O polbo á mugardesa é coñecido internacionalmente. A súa receita: cocido en auga de mar ata conseguir unha textura tenra, finalmente bótase cortado nunha tixola. Nela elabórase previamente o refrito con aceite, cebola e pemento doce. O prato acompáñase con cachelos.

Cada segundo sábado do mes de xullo, celébrase a Festa do Polbo de Mugardosdeclarada de Interese Turístico de Galicia.

Conservas de Cariño

Ao falar de conservas de Cariño aglutinamos baixo unha mesma denominación as diferentes marcas da industria conserveira desta vila mariñeira. Todos os seus produtos distínguense pola gran calidade, baseada no excelente peixe e marisco que se utiliza na súa esmerada elaboración.

Estas conservas continúanse elaborando segundo manda a tradición, que se remonta na vila mariñeira a finais do século XIX. Estes deliciosos manxares pódense encontrar no mercado de abastos e noutras tendas da vila, así como nas fábricas.

En Cariño atopamos conservas delicatessen de todo tipo. De bonito do Norte, atún, bacallau, congro, polbo, mexillóns, zamburiñas… En salsa de vieira, escabeche ou aceite de oliva.

De todos os peixes, o prato estrela son as sardiñas lañadas. Trátase, en realidade, dunha semiconserva que utiliza a técnica da salgadura. A súa preparación ao estilo cariñés é un segredo e pódese degustar na Festa da Caldeirada de Raia e da Sardiña Lañada, unha das citas ineludibles de agosto en toda a comarca.

Máis ca peixe
Desde hai uns anos, en Cariño fabrícanse conservas aproveitando a gran calidade dos produtos da terra. Elaboradas con produtos de tempada, encontramos marmeladas de tomate ou kiwi e, incluso, conservas de grelos.