Ferrol

Ferrol é a cidade dos contrastes. A ría que leva o seu nome, as súas rúas medievais, as construcións militares e os castelos fortificados.

A cidade constrúese na súa relación co mar. Á súa beira nacen os estaleiros. A construción de grandes barcos é a actividade que caracteriza a Ferrol desde o século XVIII. Convértese entón nunha cidade industrial, á vangarda da modernidade.

A súa tradición militar e industrial aínda pervive no emblema da cidade, o Arsenal, que aínda é utilizado pola Armada española. Nel atoparemos numerosos elementos catalogados como Bens de Interese Cultural.

Outra construción militar da cidade, e principal atractivo turístico, é o castelo de San Felipe. Situado á entrada da ría para controlar o tráfico marítimo, o edificio de pedra que hoxe observamos data do século XVIII, aínda que a construción primitiva é de dous séculos antes.

No centro de Ferrol atopamos outros edificios emblemáticos. Por exemplo, o Parador Nacional de Turismo, unha mansión señorial de aire mariñeiro, e o Teatro Jofre, unha das obras de arquitectura teatral máis importantes de España.

Con todo, Ferrol tamén é natureza. Basta con afastarse do núcleo urbano para descubrir praias espectaculares, case virxes, como Doniños.

http://www.ferrol.es