Fragas do Eume e espazos de interior
A beleza e riqueza natural do interior do destino Ferrolterra – Rías Altas non deixa indiferente ao visitante. Internarse nel é perderse, no bo sentido, entre a natureza máis exuberante.
As Fragas do Eume, cuxa extensión abarca cinco municipios, é un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de toda Europa. O bosque, que é Parque Natural, é o maior reclamo turístico do destino Ferrolterra – Rías Altas. Porén, e non moi lonxe, hai outros lugares que merece a pena redescubrir. Por exemplo, a fervenza do río Belelle, as ribeiras dos ríos Xuvia e Castro e, ao norte, a serra da Faladoira.
Parque Natural Fragas do Eume
Ás Fragas do Eume accédese desde A Capela, Pontedeume, Cabanas, Monfero ou As Pontes, municipios polos que se estende este espazo, parque natural desde 1997.
As fragas son o refuxio da flora e fauna da rexión. Na vexetación destacan carballos, freixos, ameneiros, castiñeiros, bidueiros, acivros e albedros. Estas especies arbóreas, moitas delas con millóns de anos de vida, seguen o curso do Eume ata a súa desembocadura na ría de Ares.
Unha gran diversidade de mamíferos, anfibios (13 especies das 15 que hai en Galicia atópanse aquí!), réptiles e aves habitan as fragas. Londras, cervos, píntegas, falcóns, merlos… Todos eles conviven no parque para o goce de quen o visita.
Neste espazo natural tamén encontran o seu fogar moitas especies en perigo de extinción, como o castigado lobo ibérico.
Nun montículo rochoso das Fragas do Eume encontramos o mosteiro de Caaveiro. A orixe desta construción remóntase ao século X, vinculada á vida monástica do lugar. Le máis sobre este e outros mosteiros do destino.
Horario (luns pechado):
Semana Santa e Verán: 10.30 – 14.00h / 16.00 – 19.30h
Inverno: 10.30 – 14.00h
Visitas guiadas consultar no 981 432 528
Localizar o Centro de Interpretación en Google Maps
Horario:
Verán: 10.30 – 14.00h / 16.00 – 19.30h (de mércores a domingo)
Inverno: 10.30 – 14.00h (de venres a domingo)
Localizar o Centro de Interpretación en Google Maps
Horario:
Verán: 10.30 – 14.00h / 16.00 – 19.30h (de mércores a domingo)
Inverno: 10.30 – 14.00h (de venres a domingo)
Localizar o Centro de Interpretación en Google Maps
Fervenza do Río Belelle
O río Belelle nace nas Fragas do Eume, no municipio de As Pontes. Transcorre pola Capela, Fene e Neda, onde desemboca. Tamén en Neda se atopa un dos seus maiores atractivos, a case oculta Fervenza do río Belelle.
Na súa traxectoria cara ao mar, preto da aldea do Roxal, o curso do río cae en forma de fervenza. Con 45 metros de altura, este salto de auga do Belelle é un dos máis altos de Galicia. A súa espectacularidade e a contorna na que se atopa, rodeada dun bosque de carballos e castiñeiros, converten a fervenza nun paraíso no medio da natureza.
A ribeira do río, con parada na fervenza e no miradoiro que hai subindo a montaña, converteuse nunha ruta de sendeirismo indispensable para os amantes da natureza.
Descubre a ruta “Belelle, corrente de ideas” en Wikiloc.
Espazo protexido Xuvia-Castro
Os ríos Xuvia e Castro dan nome a unha zona protexida pola distinción LIC (Lugar de Importancia Comunitaria). Baixo o LIC Xuvia – Castro encóntranse dous espazos naturais. Por un lado, o tramo do río Grande de Xuvia e o seu afluente principal, o Castro. Por outro, a serra de Forgoselo.
A vexetación de ribeira atópase en moi bo estado de conservación. Nun mesmo espazo, topámonos hábitats diferentes: chairas areosas, lagos naturais, estanques temporais ou bosques de carballos e castiñeiros.
A serra de Forgoselo presenta unhas formas suaves e a súa paisaxe varía, encontrando pequenos bosques e extensas pradeiras. Desde o pico de Racamonde, o punto máis alto con 537 metros, as vistas son impresionantes. Se o día está claro pódese divisar gran parte da serra e As Pontes, así como as rías de Ferrol e Ares.
O espazo protexido Xuvia – Castro abarca ata sete municipios: A Capela, Moeche, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas e As Pontes. Son moitas as rutas de sendeirismo que permiten descubrir esta contorna natural desde diferentes ópticas. Apetéceche facer unha ruta polo río Castro?