Presentación

Cidades e aldeas, mar e montaña, costa e interior… son moitos os contrastes que ofrecen os 21 municipios das tres comarcas que configuran o destino.

Na de Ferrolterra: Ares, Mugardos, Fene, Neda, Ferrol, Narón, Valdoviño, Cedeira, Moeche, As Somozas e San Sadurniño. Na comarca do Eume: Pontedeume, Cabanas, A Capela, Monfero, Vilarmaior e As Pontes de García Rodríguez. Xa en Ortegal: Cerdido, Cariño, Ortigueira e Mañón.

Desde esta páxina convidámoste a descubrir o destino turístico Ferrolterra – Rías Altas. Explorarás unha terra única, que conxuga historia e cultura cunha gran riqueza natural e paisaxística.

Ferrol é o mellor porto natural de Europa, así o cualificou o Almirantado británico cando en 1800 quixo conquistalo. É tamén o Barrio da Madalena e o Arsenal, as primeiras obras feitas en Europa co criterio da Ilustración. Ferrol encerra ademais unha emotiva sorpresa, a Semana Santa, unha das máis impresionantes de Galicia.

En Ferrolterra están tamén a praia de Pantín, escenario habitual de campionatos mundiais de surf, e as lagoas de Doniños e Valdoviño, paraíso de aves acuáticas. E nas proximidades de Ortigueira, dúas marabillas: a Serra da Capelada, que se corta abruptamente ao chegar ao mar formando os cantís máis altos da península Ibérica, e o santuario máxico de Santo André de Teixido.

Mais hai tamén un Ferrolterra terra dentro. Como as Fragas do Eume, un bosque avesío e segredo que no seu corazón esconde o Mosteiro de Caaveiro… e, nas inmediacións, o fascinante Mosteiro de Monfero, cunha enigmática fachada co deseño dun taboleiro das damas.